Tuesday 30 de April de 2024

A Xunta financiará a instalación dunha marquesiña e obras de mellora no Centro de Día público de Rois


Asinarase un convenio de colaboración co Concello por unha contía de 30.000 euros para financiar os traballos, que inclúen a impermeabilización e pintado do inmoble

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, anunciou a firma dun convenio de colaboración co Concello de Rois para acometer melloras no centro de día pertencente á rede pública da Xunta de Galicia. Fíxoo nunha vista a este servizo de atención diúrna na que estivo acompañado do alcalde da localidade, Ramón Tojo.

Perfecto Rodríguez explicou que a contía do convenio ascenderá a 30.000 euros e que permitirá financiar a instalación dunha marquesiña á entrada do inmoble para que as persoas maiores se poidan resgardar os días de chuvia cando chegan ao centro no servizo de transporte. Tamén se sufragarán obras de impermeabilización e pintado da fachada do inmoble. Da execución dos traballos ocuparase o Concello e, con eles, o Consorcio atende unha petición do alcalde..

O xerente do ente autonómico subliñou a importancia de que as administracións autonómica e locais manteñan un diálogo e unha colaboración fluída para que as persoas maiores teñan unhas instalacións adecuadas e as máximas comodidades. Neste compromiso co benestar da veciñanza de máis idade enmárcase o programa de melloras e mantemento da rede de centros de día, residencias e vivendas comunitarias que depende do Consorcio.

O centro de día de Rois ten 40 prazas e iniciou a súa actividade en setembro do ano 2010 para dar coidados e atencións aos maiores deste municipio e da súa área de influencia. Na actualidade, presenta practicamente un 100% de ocupación.